Estás en MaisTendencia » Con estilo » Entrevista a Christian Escuredo, actor “Os valdeorreses son os espectadores da miña sembra e da miña colleita”
Christian-Escuredo

Entrevista a Christian Escuredo, actor
“Os valdeorreses son os espectadores da miña sembra e da miña colleita”

Para Christian Escuredo, este mozo de 32 anos, actor e intérprete natural de O Barco de Valdeorras, o pasado ano 2015 deixoulle un doce sabor de boca, no que a éxitos profesionais se refire. Logo dunha precoz carreira musical, que se concretou en dous discos editados, e como actor en filmes, curtas, teatros e na pantalla da TVG, como parte do elenco da serie Libro de Familia, a escea nacional recoñeceuno como Actor Revelación na VIII edición dos Premios do Teatro Musical e como Mellor Actor Protagonista polos Premios Broadway World Spain 2015. Todo elo, grazas ó papel de Felicia, unha dragqueen á que da vida no musical Priscilla, raíña do deserto, que case a diario interpreta enriba dos escenarios do Teatro Alcalá de Madrid dende 2014.

-O musical narra as divertidas experiencias de tres artistas dragqueens que cruzan o deserto de Australia nun desvencellado autobús. Cóntenos quen é Felicia e que representa travestirse 510 veces nunha mesma personaxe?

Adam (ou Felicia, o seu nome drag) é o máis novo e atolado do trío protagonista. É unha persoa clara e sincera, abertamente homosexual, esaxerada, impulsiva e hedonista. Ter estas características na súa biografía fan que sexa unha das personaxes máis divertidas da obra e, a súa vez, o que máis aprenda, xa que nesta viaxe, parte dunha ilusión superficial ao encontro consigo mesmo, descubrindo valores como a amizade, que o fan madurar e ser máis humano.

Facer 510 veces a mesma función significa estar traballando nun proxecto con moito éxito e, desde logo, un agasallo. Divertirse cada día en escea e manter viva unha personaxe tan entrañable é do mellor que lle pode pasar a un actor.

Christian Escuredo como Felicia
Christian Escuredo caracterizado no seu papel de Felicia

-É posible imaxinar como será o vindeiro 1 de marzo, cando se teña que despedir de Felicia, logo de dous anos de estar metido na súa pel?

Agardo que non sexa un adeus, senón un ate pronto… Pero o día que me teña que despedir para sempre, non vai a ser doado: sinto un gran vencello por esta personaxe, algo que non me pasara ate agora.

-O espectáculo foi considerado como o Mellor Musical do ano 2015 e colleitou éxito de público (máis de 300.000 espectadores) e crítica ¿haberá un antes e un despois desta interpretación?

Supoño que sí, pero máis que nada pola audiencia de todos estes espectadores que puideron ver o musical e polo cariño recibido de todo o público, da profesión e da crítica. De todas formas, por moito agarimo que sinta por este proxecto, desexo que o meu nome poida vincularse con outros personaxes tan agradecidos, como está pasando coa Felicia.

-Entre as areas do deserto australiano, síntese morriña deste anaco de verde atlántico?

Sempre.

-Non se esquenceu de Valdeorras no seu discurso como galardoado nos Premios Broadway World Spain 2015. ¿qué representa a súa vila na vida dun Christian Escuredo que está a saborear o éxito na escea nacional?

Os valdeorreses viron como medraba, foron (e son) os espectadores da miña sembra e da miña colleita e téñolles moito cariño polo apoio que sempre me amosan. Sinto moito agradecemento por todos os bos desexos que recibo deles día tras día, e polo ben que me coidan. Teño moita sorte de estar rodeado de tan boa xente.

-Dende novo despuntou como gañador dun concurso musical no programa Luar da TVG, fixo carreira de músico e actor en Galicia. ¿síntese profeta na súa terra?

Penso que sí, e sinto moito orgullo e agradecemento de que así sexa.

-Na ficción televisiva exerceu de ourensán e emprendedor dando vida a un mozo Eduardo Barreiros, considerado o Henry Ford español. ¿que lectura fai desta personaxe e do pequeno empresario e comerciante galego?

Eduardo Barreiros, igual que moitas outras figuras galegas, son un exemplo para convencerse que con esforzo e adicación, as realidades poden cambiarse. Aínda así, son dos que pensan que os galegos levamos xenes de currantes e perseverantes… tan só hai que mirar aos nosos antepasados, e valorar o legado que nos deixaron.

-Que proxectos ten en marcha profesionalmente?

Hai moitas ideas e tamén moitas ganas, pero ata que os proxectos non se poñan enriba da mesa penso que vai ser mellor agardar para contalos.

-Ademaís da súa formación musical, interpretativa e pedagóxica, os galardóns recibidos axudarán a abrir portas.¿Por onde presinte que discurrirá o seu futuro e por onde lle gustaría que discurrise?

Pensar en futuro angústiame un pouco, sobre todo, nestes momentos onde o tempo pasa tan rápido e as ideas mudan de maneira incontrolable. Son dos que disfrutan do presente e de proxectos que me aporten aprendizaxe e diversión. Así que calquera camiño que me leve a un paraxe deste tipo, será benvido, xa sexa no teatro, no cine, nun plató de televisión… ou nalgún proxecto relacionado coa pedagoxía.

-Este blog fala de moda e tendencias ¿que papel xogan no seu estilo, tendo en conta que pertence a unha profesión exposta á mirada pública?

Nestes momento síntome máis observado nas miñas redes sociais que na rúa; e nestas non fago moitas alusións ao meu vestiario, pero sí ás pequenas ou ás grandes historias que van aparecendo no meu día a día.
Gústame vestir cómodo, informal (sen chamar a atención), aínda que, ás veces arrisco con prendas un pouco máis atrevidas. Disfruto mercando roupa cando visito outros países, sobre todo, se son de estilo vintage. Fágolle caso ás modas e ás tendencias só se me chaman a atención. Os que me coñecen din que teño estilo propio (risas).


Valora este post:
PobreRegularNormalBuenoExcelente (Sin Valoraciones)
Cargando...


Compártelo en: Facebooktwittergoogle_plusmail
Síguenos en: Facebooktwittergoogle_plus



Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *