Estás en MaisTendencia » Ocio » Libros para colorear: o novo relax dos adultos
mandalas-portada

Libros para colorear: o novo relax dos adultos

Cando visito a casa de miña nai paso diante do escaparate (mellor dito dos escaparates) da libraría Platero (na esquina da rúa Bedoya con Ramón Cabanillas, en Ourense). Sempre me deteño alí varios minutos. Hai dúas vitrinas que me atrapan: unha (a de Ramón Cabanillas) dedicada ó cómic por enteiro; e a outra (en Bedoya) a manualidades, aficións e todo tipo de actividades coas que ocupar o tempo de lecer de xeito creativo, relaxante ou produtivo.

Os meus ollos brincan dunha a outra portada. Moitas conseguen porme os dentes longos pensando o ben que estaría aprender a facer mascotas de amigurumi para regalar ós nenos dos meus amigos; retorcerme coma unha cobra facendo asanas de ioga; emprender proxectos de scrapbooking; cociñar receitas con alimentos de tempada ou coñecer os segredos do calendario lunar para cultivar (e busco outro libro para aprender a cultivar) as mellores hortalizas na horta ecolóxica (eu teño unha, pero é “ecolóxica” porque está en mans da nai natureza e chamámoslle “horta” porque era a súa función ata que me tiven que ocupar eu dela).

Escaparate da Libraría Platero
Escaparate da Libraría Platero

Todas estas publicaciones espertan a miña fantasía. Ata me imaxino en tales ocupacións e a posterior satisfación persoal obtida. Pero ó final peco por exceso de fantasía e por defecto de vontade para emprender tales proxectos.

Sen embargo, a curiosidade traboume algo máis da conta por unha serie de libros que estes días están no escaparate de Platero: os libros de colorear para adultos. Preséntanse en láminas con intrincados debuxos trazados en negro sobre blanco para colorear.

Dada a miña natureza preguiceira, gustoume iso de que non se requiran procesos de aprendizaxe ou habilidades específicas,  así que abrín unha investigación sobre o asunto (que consistiu básicamente en mirar os enlaces da primeira páxina do Google e vídeos do Youtube). Fixan en Francia e no ano 2012 a orixe desta moda, que xa se converteu nun auténtico fenómeno editorial con gran éxito de venda de bestsellers recoñecidos. A pope do xénero é Johanna Basford, unha ilustradora escocesa de 31 anos “evanxelizadora da tinta que prefire un lapis e un bolí ós pixels” , segundo asegura ela mesma na súa web (que me parece unha delicia, a verdade).

A anterior imaxe é da páxina de Instagram de Johanna Badford, que referencia a súa canle de Youtube onde dá consellos para pintar o seu libro “Lost Ocean”.

A estas publicacións atribúenselle grandes propiedades antiestrés, terapéuticas e creativas. Neste sentido gustaríame sinalar un artigo de Sergio C. Fanjul escrito para o suplemento Verne de El País, onde se pregunta ¿De verdad desestresan los libros de adultos para colorear? Hacemos la prueba. Con maior orzamento que o meu (por algo traballa para unha das cabeceiras de xornal máis importantes do país) Fanjul emprendeu unha “investigación empírica” sobre o tema, que mesmo lle deu para convidar os amigos a casa e poñelos a colorear láminas. E tralo experimento concluíu que: “los ratos que he conseguido ausentarme de mí mismo y el universo a base de colorear seres fantásticos y mitológicos han sido bastante útiles para mi salud mental”. Iso sí, recomenda o xornalista “alternar el uso de estos libros con otras actividades desestresantes”.

Neste vídeo, a empresa fabricante de lapis de cores Faber-Castell explica os beneficios que produce a actividade de colorear nos adultos.

A temática dos libros para colorear é do máis variopinta: xardíns e bosques, cidades, océanos e mundos submariños de abigarradas formas bicolor (ou se se prefire sen cor) que nos invitan a explorar todo un universo de posibilidades cromáticas.

Entre estas publicacións abundan as de porlle cor ós mandalas. O mandala é unha representación simbólica e ritual do macrocosmos e do microcosmos empregadas no budismo e no hinduismo. Pintar mandalas foi tradicionalmente unha das múltiples técnicas orientais para relaxarse e meditar. Platero loce no seu escaparate libros para pintar mandalas baixo títulos do máis suxerente: mandalas para cultivar o amor, mandalas para aceptar os cambios ou mandalas con afirmacións.

O fenómeno parece que tamén suma adeptos entre as máis importantes bibliotecas mundiais. Grazas a un post escrito por Raquel C. Pico en Librópatas souben que a Bodleian Library, a biblioteca da Universidade de Oxford sacou unha versión propia destes libros con ilustracións medievais auténticas, que se poden descargar de xeito gratuito.

En fin, no me extendo máis. Na seguinte galería de fotos podedes ver a imaxe e unha breve explicación do contido daqueles que se exponñen no escaparate da libraría Platero:

Ver Galería de Imágenes

Foto de portada: De Hello Angel Creative, bajo licencia CC BY-NC-ND-2.0.


Valora este post:
PobreRegularNormalBuenoExcelente (4 voto(s), media: 5,00)
Cargando...


Compártelo en: Facebooktwittergoogle_plusmail
Síguenos en: Facebooktwittergoogle_plus



Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *