Estás en MaisTendencia » Ocio » + que 3d: o futuro xa está aquí
Ecografía 3d

+ que 3d: o futuro xa está aquí

En 1980 Santiago Auserón e o resto da banda Radio Futura, hoxe extinta pero considerada como un dos grupos máis influintes da música contemporánea española, entonaban aquela frase de «el futuro ya está aquí» cando cantaban o tema titulado «Enamorado de la moda juvenil».

Esta frase parece cobrar máis sentido a cada década que pasa. O que ata hai pouco se tildaba de ciencia-ficción, cada ano que transcorre despréndese máis da segunda parte da expresión.

Hoxe por hoxe, as gafas de realidade virtual, as aplicacións de realidade aumentada, os trebellos robóticos ou a impresión 3D, da que imos falar neste post, xa son de uso doméstico sen necesidade da ficción televisiva para meterse nos nosos fogares.

¿Qué e a Impresión 3D?

A Wikipedia define a impresión 3D como un conxunto de tecnoloxías onde un obxecto tridimensional é creado pola superposición de capas sucesivas de material (plásticos, na súa maioría), o que é posible grazas ás impresoras 3D, máquinas que reproducen deseños tridimensionais creando pezas ou maquetas volumétricas a partires dun deseño feito por ordenador, descargado da internet ou recollido por un escáner.

Impresora 3D que empregan en + que 3D
Impresora 3D que empregan na empresa ourensana + que 3d para crear obxectos a partires de bobinas de fíos plásticos.

Ó mesmo tempo que na década dos 80 en España soaba o tema de Radio Futura as impresoras 3D xa se usaban a escala industrial, pero non foi ata o ano 2009 que se sacou o primeiro modelo de impresora 3d de uso doméstico ó mercado.

O xornal The Economist publicou en 2012 unha información sobre o acontecemento que titulou «Terceira Revolución Industrial» (e dende entón a impresión 3d asóciase de cotío con este termo), como lembra o xornalista Luis Meyer nunha reseña que escribiu en El Pais a conta da exposición Futuro Inmediato. Impresión 3D, que dende o pasado 23 de marzo e ata o vindeiro 26 de xuño se pode visitar en Madrid na sala D-Espacio do centro cultural e museístico CentroCentro.

A exposición, que mostra pezas impresas en 3d, pretende amosar o amplo abano de posibilidades que se abren con esta tecnoloxía e todas as cousas que se poden facer cunha impresora 3d, moitas delas, dende a propia casa.

En verbas dos organizadores o vasto campo de aplicacións exténdese «a case todos os aspectos da vida: dende comida a órganos humanos, de ladrillos a pezas de vidro ou de cemento, de compoñentes metálicos para construción a mobles, dende cerámicas a próteses ou a escaiolas, dende xoias a vestidos, de xoguetes a  gafas e bolígrafos, dende casas a lámpadas e solas de zapato».

Impresiones en 3d en Ourense
Obxectos de decoración e deseño que podemos ver no escaparate de + que 3d, no número 36 da Avenida Bos Aires, en Ourense.
Bobinas de nylon para a impresión en 3d
Bobinas de nylon empregadas por + que 3d para a impresión de obxectos que nós mesmos podemos deseñar.

Se algún de vós se vai deixar caer un día destes por Madrid e lle apetece visitar a exposición da que falamos que saiba que vai atopar, entre outras pezas, sillas, lámpadas, xarróns e vaixelas impresas en distintos materiais como o nylon, a cerámica, o vidro e ata da «propia area do deserto«.

Tamén se poderán ver como quedan as pezas dunha ponte de aceiro que se vai construir para un dos moitos canais que hai na cidade de Amsterdam.

+ que 3d – Impresións en 3d en Ourense.

Pero se non ides ter a oportunidade de facelo e vos interesa aproximarvos ó mundo da impresión en tres dimensións, en Ourense, a empresa + que 3d, onde se tomaron as fotografías que ilustran parte deste post, pode introducirvos neste mundo do que estamos empezando a coñecer o seu grande potencial.

A empresa, dirixida por Ana Gómez, indica que esta tecnoloxía «desenvolve e estimula a creatividade das personas a través do coñecemento, práctica e uso de ferramentas de deseño específicas para o modelado 3D, podendo crear proxectos reais que teñan un espazo no mercado cun alto compoñente innovador e creativo«.

+ que 3d - Impresións en 3d en Ourense.
Instalacións da empresa + que 3d na avenida de Bos Aires.

Servicios de asesoramento a hora de adquirir unha impresora 3d.

Esta empresa ourensá non só ofrece servizos de impresión 3d, senón tamén de asesoramento a quen estea interesado en adquirir unha impresora 3d para a casa, segundo o uso que teña pensado darlle e os materiais que se poden empregar; no caso de ter a idea dun deseño en mente, tamén se poden encargar de facela realidade, preparando os bocetos, facendo o modelado e os retoques necesarios antes da impresión.

De feito, unha das maiores utilidades que a día de hoxe se atopa na impresión 3d está relacionada coa creación de prototipos, que permiten ós desenvolvedores de produtos obter unha réplica en distintos materias que permita avaliar a súa viabilidade antes de encargar a fabricación en serie.

+ que 3D ofrece obradoiros e cursos.

+ que 3d tamén desenvolve unha faceta didáctica a través de obradoiros e cursos de modelado e deseño 3d, robótica e programación adaptados a varios niveis, dende principiantes a profesionais.

Utilidades da impresión en 3D.

Indagando na rede sobre a tecnoloxía 3d resulta sorprendente coñecer a chea de cousas que se poden facer con este tipo de impresoras e dende a casa. E para mostra, rescato algunha delas:

Impresión 3d do feto a partir da ecografía

Entre os usos que menciona o artigo da wikipedia que fala das impresoras 3d atópanse as ecografías en 3d. Éstas xurdiron fai uns anos e supuxeron un grande avance no sector, porén no ano 2013 deuse un paso cara adiante: a impresión en tres dimensións do feto.

A súa principal utilidade é a de detectar posibles malformacións nos non natos ou posibles complicacións no parto. A impresión 3d facilita un mellor seguemento do proceso de xestación.

Outra das utilidades é para os pais con cegueira, quen grazas a estos obxectos realizados con materiais fácilmente palpables saberán como será o seu fillo. Na maioría dos casos, moitos proxenitores xa se interesan en dispoñer destas impresións para teren un recordo material da xestación dos seus fillos.

Impresión 3d do feto a partir da ecografía

Impresión de órganos con tecidos vivos

No ano 2014, Marta Palomo, doutora en Bioloxía e comunicadora científica especializada en biomedicina foi recoñecida cunha mención especial na VII Edición dos Premios de Periodismo e Investigación e Innovación Tecnolóxica grazas a un artigo de divulgación científica titulado «Cuerpos de impresión» e publicado pola axencia SINC, axencia pública de ámbito estatal especializada en información científica.

Neste texto a divulgadora conta que dende hai uns anos os científicos non paran de experimentar con impresoras de órganos en tres dimensións e refíre un importante acontecemento: o logro duns científicos da Universidade de Oxford que en 2012 conseguiron imprimir cun material que serve de sustrato para que se formen tecidos reais, capaces de responder a estímulos e comunicarse como o fan as neuronas.

Impresión de órganos con tecidos vivos
Detalle de como a impresora traballa na creación dun riñón. Fotografía de SINC, baixo licencia CC by 3.0.

No caso que se ilustra, os cartuchos da impresora, en lugar de tinta, cargaríanse con material que reproduce as condicións dos tecidos vivos.

Impresión de comida

¿Bombóns personalizados que reproducen as nosas caras? ¿platos con mensaxes ou debuxos artísticos? Isto e cousas semellantes son elaboradas polas impresoras 3d de cociña, como Foodini, da compañía Naturalmachines, que pronto lanzarán ó mercado. Pizzas ou biscoitos, dóce e salgado, Foodini imprime receitas elaboradas a partir de alimentos previamente preparados que se introducen nunhas cápsulas que poderán ser comercializadas nos supermercados.

Impresión de comida en 3D
-Ú-lo peixe con patacas? -Aí mesmo, no prato

Impresión de roupa e calzado

Danit Peleg é unha moza deseñadora de moda establecida en Tel Aviv e recentemente graduada pola Shankar College of Design. No seguinte vídeo explica como quixo crear unha colección pret-á-porter, integramente feita na casa cunha impresora 3d.

Logo de traballar con expertos no terreo conseguiu un resultado espectacular, cuxo resultado son prendas que semellan tecidos de ganchillo cunhas caídas de efectos impresionantes.

A creadora pídenos que por un momento imaxinemos o potencial desta tecnoloxía aplicada ó mundo da moda: «Se vai frío, imprime a túa chaqueta; Viaxas sen equipaxe? Pois imprime a roupa na propia habitación do hotel; Pronto será posible deseñar, compartir e imprimir a propia roupa directamente na casa»

Logo de investir dúas mil horas de impresión e tras nove meses de investigación a creadora foi quen de completar o seu proxecto, con fantásticos resultados.

Xa o dicía Radio Futura: «o futuro xa está aquí». E eles nunca se trabucaban.


Fotos de portada e de + que 3d, de Jennifer Novoa e Celia Rodríguez.


Valora este post:
PobreRegularNormalBuenoExcelente (1 voto(s), media: 5,00)
Cargando...


Compártelo en: Facebooktwittermail
Síguenos en: Facebooktwitter



Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Acepto la política privacidad